Thursday 02 de May de 2024

As instalacións da piscina da Pobra reabriranse no 7 de marzo


A partir da vindeira semana as instalacións da piscina da Pobra do Caramiñal volverán estar abertas ao público. A concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), informou que os sete primeiros días de funcionamento serán gratuítos para as persoas que estaban inscritas antes do seu peche, polo que só terán que pagar a parte proporcional do que resta de mes, no cal se ofrecerán actividades soltas e xa en abril se recuperará a normalidade do servizo. As novas matrículas poderán efectuarse a partir do 21 de marzo.

Doutra banda, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), explicou que houbo momentos nos que o peche desta instalación deportiva era obrigatorio debido á COVID-19 e, cando se puido volver a abrir, era inviable economicamente pois, pola ratio estipulada, a inversión en socorristas e monitorado superaba os ingresos. O rexedor tamén indicou que para o goberno municipal o axeitado era abrir entre os meses de agosto e setembro do 2021, pero a empresa concesionaria presentou unha solicitude de reequilibrio económico e indemnización, polo que, a necesidade de realización dun estudo ao respecto e a duración deste tipo de trámites, motivou que a reapertura se demorase ata o presente mes.

Así mesmo, anunciaron que se estudará a viabilidade para a súa municipalización e a dotación de novo equipamento, así como mellora da dependencia.